22 feb 2012

MAÑÁ 23 DE FEBREIRO, ACTUACIÓN DO GRUPO ”CLAVE DE FADO”

O grupo Clave de FaDo -composto por Iria Estévez (vocalista), Pepe Piña (guitarra acústica e compositor) e Gonzalo Piña (guitarra española)- actuará mañá 23 de febreiro (20:30 horas) no local Detrás do Marco (entrada gratuíta). Clave de FaDo nace en Galicia no ano 2009 coa intención de crear unha formación musical diferente, que inclúa fundamentalmente, música portuguesa e galega, sendo interpretada cunha sonoridade propia, lograda a través da súa instrumentación pouco habitual para este tipo de música. Nas súas actuacións, fai un percorrido polos distintos tipos de fados e as músicas galegas máis poéticas, combinando así a frescura dos fados máis alegres coa emoción das cancións galegas e fados máis sentidos.

O GRUPO
Iria Estévez é a vocalista principal do grupo. A súa voz privilexiada permítelle interpretar distintos estilos, como o fado, canción galega ou bossa nova, entre outros. Aínda que xa participara en agrupacións corais como soprano, Clave de FaDo supón a súa primeira experiencia profesional. A pesar do seu curto percorrido como cantante profesional, foi unha das candidatas de Bieito Romero para ser a nova vocalista de Luar na Lubre. En canto á súa formación como cantante, Iria recibiu clases de canto da recoñecida soprano galega Mónica de Nut. Actualmente é alumna de Canto Profesional na E-trad de Vigo.
Á guitarra acústica e bouzouki temos a Pepe Piña, compositor e cun amplo percorrido na música profesional dende o seu inicio en solitario. En Lugo refunda o grupo O carro con dous dos antigos compoñentes, participando como compositor e músico no Disco Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro en compañía doutros grupos punteiros como Na Lúa, Luar na Lubre, Suso Vaamonde, etc... Continúa con grupos como Haceros del Norte publicando un disco con Alfonso Gomez, Colleita Vermella e na actualidade con Taninos maduros Jazz Band e Marlon, á parte do seu proxecto persoal Pepe Piña Grupo.
Á guitarra española encóntrase Gonzalo Piña. Gonzalo conta cunha ampla experiencia musical formando parte de numerosos grupos como baixista (Daclub!, Dask ou Pepe Piña Grupo) participando ademais na creación dalgúns dos temas musicais. Ademais Gonzalo Piña levou a cabo un proxecto musical independente que se materializou nun disco (Parallel Universe) sendo o seu creador e produtor musical. Así mesmo realizou a B.S de diversas obras para compañías de teatro e danza contemporánea (Señor Serrano, Área Tangent ou Ferrán Utzet).







No hay comentarios:

Publicar un comentario