18 may 2012

MAÑÁ 19 DE MAIO, INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN DE MARÍA MARIÑO

A pintora viguesa María Mariño inaugura mañá sábado 19 de maio (20:30 horas) a súa exposición “Con outra mirada”, que permanecerá en Detrás do Marco ata o día 10 de xuño. Na inauguración actuará o grupo Pablo&Vita, que fará un percorrido polas  bandas sonoras de clásicos cinematográficos.



María (Vigo, 1979) é titulada en Imaxe e sempre desempeñou o seu traballo tralas cámaras de televisión, ata que en 2009, na Escola de Artes e Oficios de Vigo comeza os estudos de serigrafía artística, baixo a tutela do artista cubano Nelson Villalobos, precursor indubidable do seu novo camiño pictórico. Desta forma, María  pasou a compoñer sobre lenzo e papel aquilo que sempre vira tras unha cámara; así como a ver a arte dende a perspectiva dun artista. Así, coñecendo a obra doutros artistas, foi como encontrou a súa maior inspiración, Luis Seoane, pintor galego, e que, xunto a talentos tan dispares como Picasso e Andy Warhol, son os seus grandes referentes.


Co traballo do acrílico sobre lenzo, o uso da cor, das súas formas, é onde María Mariño busca mostrar a realidade que lle chama, que a rodea: as vendimas de cada ano, o campo, o mar de Vigo, o Berbés..., e como non, os sentimentos en primeiro plano.





Pablo&Vita. Eles serán os encargados de facernos vivir unha noite máxica percorrendo clásicos do cine a través das súas bandas sonoras, coma “Desayuno con diamantes”, “El Padrino”, “Con Faldas y a lo loco”, “Casablanca”, “Rocky” ou “La Pantera Rosa”, entre outros.



Vita Ivaskevica, cunha voz excepcional, é unha  cantautora e  compositora nacida  en Letonia, de pai ruso e nai letona.  A súa actividade artística desenvólvese, principalmente, na súa faceta de cantautora e é a responsable de poñerlle voz ás bandas sonoras.



Pablo Vidal Mendoza (contrabaixo),  de pai galego  e nai vasca, naceu en Bilbao e creceu  na Ría de Arousa. De formación ecléctica,  comeza  os  seus  estudos   de  piano   no  Conservatorio  de Pontevedra,  estuda  harmonía e composición na  escola  de jazz  “BAIO Ensemble”  de  Vigo  e  no  Ateneo  de  Música Moderna y Jazz de Madrid Felix Santos Guindel”. Despois dunha  intensa  actividade musical  en  grupos  da “movida” (“Os Resentidos”, “7ª Convocatoria” etc.), actualmente  adícase  a súa  faceta  de  compositor e produtor.




No hay comentarios:

Publicar un comentario