17 dic 2011

O DOMINGO 18, CONTACONTOS EN DETRÁS DO MARCO

As e os máis pequerechos da casa teñen unha cita mañá (17 horas) en Detrás do Marco (rúa Londres, s/n.) Será o momento de escoitar un conto, de debuxar, de preguntar.. de gozar cunha tarde diferente grazas a "Polo correo do vento".
A actividade está dividida en catro partes:
-A primeira parte é un conto ilustrado na que, mentres o autor conta o conto, o ilustrador realiza un gran mural.
-A segunda parte  será unha "rolda de prensa " na que os nen@s farán diversas preguntas sobre as ilustracións ou o conto
-A terceira parte será un obradoiro de debuxo que  realizarán os nen@s seguindo as indicacións do ilustrador.
-A actividade rematará coloreando todos o mural realizado polo ilustrador.

Con intérprete da linguaxe de signos, para as persoas con problemas auditivos


Entrada gratuita

13 dic 2011

A PRÓXIMA FIN DE SEMANA, CONCERTO E CONTACONTOS EN DETRÁS DO MARCO

Actividades para todas as idades. A programación de Detrás do Marco continúa e coma sempre intentando chegar a todas e todos. Desta forma, no fin de semana do 17 e 18 de decembro, teremos un concerto e contacontos.
O sábado 17 será o día de Silvia Womami (20:30 horas). A cantautora regresa ao noso local, onde é sempre ben recibida, e volverá a emocionarnos e facernos sentir coa súa espectacular voz.
E ao día seguinte, domingo 18 de decembro, os protagonistas serán os máis pequenos. Teremos contacontos (a partir das 17:00 horas), da man da empresa Polo Correo do Vento e grazas á colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo. Ademais, haberá intéprete de signos para os nenos e nenas con problemas de audición.

9 dic 2011

MAÑÁ 10 DE DECEMBRO, ACTUACIÓN DE RUBÉN DE LIS EN DETRÁS DO MARCO

O guitarrista e compositor Rubén de Lis actuará mañá día 10 de decembro (19:30 horas) en Detrás do Marco. O galego, que xa  é un dos cantantes de cabeceira do local, volverá facernos vibrar coa súa guitarra e cancións coñecidas por todos, ademais de amosarnos os seus propios temas (cantados e compostos por el).



7 dic 2011

O VENRES 9, CONCERTO DE INDIO EN DETRÁS DO MARCO

O venres 9 de decembro (20:30 horas) teremos a oportunidade de gozar coa voz de Indio. O cantautor fará versións de Sabina e Víctor Jara, entre outros.

2 dic 2011

O LUNS 5 DE DECEMBRO, INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN DE SUSANA PAZO

A pintora e escultora Susana Pazo inaugura o luns 5 de decembro (21:00 horas) a exposición “Pretéritas pisadas”, que permanecerá en Detrás do Marco ata o día 7 de xaneiro. No acto de inauguración actuará a monologuista Ana Pastor.A estradense explica o nome da súa exposición, Pretéritas pisadas: “O obra pictórica é unha recompilación de antigas series, polo que faremos un percorrido pola miña obra dende hai varios anos”, manifestou Susana. Entre os cadros destaca unha curiosidade: “Hai un que está feito con pintura sobre algas, algo novidoso que fixen tratando as algas para que puidera utilizala no cadro”.
Ademais haberá unha importantísima presenza de “cabezas”, precisamente a súa principal característica diferenciadora coma creadora. Son esculturas de cartón-pedra e de pasta de papel de diferentes personaxes, algúns históricos (coma Rosalía de Castro ou Frida Khalo) e outros imaxinarios (Nuar, por exemplo).
Sen dúbida unha exposición diferente e moi persoal, con moito colorido e materias e técnicas diferentes, que poderá ser contemplada en Detrás do Marco a partir do luns 5 de decembro.

1 dic 2011

O DOMINGO 4 DE DECEMBRO, CONTACONTOS EN DETRÁS DO MARCO

"Pepiña Maruxiña quere voar". O domingo 4 de decembro, a partir das 17 horas, as e os máis pequenos serán os protagonistas en Detrás do Marco, xa que poderán gozar co contacontos ofrecido pola empresa Barafunda co patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo. Ademais haberá intérprete de signos para os pequenos que teñan problemas de audición.

O VENRES 2 DE DECEMBRO, ACTUACIÓN DE SILVIA WOMAMI EN DETRÁS DO MARCO

A cantautora Silvia Womami regresa a Detrás do Marco (R./ Londres s/n), onde xa ten un público fiel que non quere deixar pasar a oportunidade de escoitar esta marabillosa voz. A artista volverá a emocionarnos mañá venres 2 de decembro (20:30 horas). Ademais, a galega de adopción estreará o novo escenario do local, despois das recente obras realizadas no café, que mudou de cara.
Silvia fai versións de cancións “de toda a vida” e no seu repertorio hai cancións de Silvio Rodríguez, Amparanoia, Mercedes Sosa, Bebe, Van Morrison, Tracy Chapman, Kiko Veneno, Fito Páez ou Vaya con Dios, entre outros intérpretes.