26 ene 2012

A EDITORIAL ELVIRA NACE CO OBXECTIVO DE FACER UN PRODUTO AUTÉNTICO E DE CALIDADE

  • Mañá 27 de xaneiro (21:00 horas) celebrarase a presentación en sociedade da editorial.

Vigo, 26 de xaneiro de 2012. Hoxe tivo lugar o acto de presentación ante a prensa da editorial Elvira que nace co obxectivo de “facer un produto auténtico e de calidade. Son libros de artista”. Esta editorial comeza a súa andadura co libro “Pon labios en la hierba” da poeta Daisy Villalobos, pertencente á colección Detrás do Marco.

Na rolda de prensa de hoxe estiveron presentes os catro artífices da editorial -Javier Romero (representante de Detrás do Marco), o pintor Nelson Villalobos, o profesor e escritor Enrique Sánchez e o poeta David Pérez-, ademais da autora Daisy Villalobos. A unión dos catro promotores deste proxecto xurdiu case por casualidade, ao coincidir as gañas de todos eles de facer algo diferente, a prol da cultura e na cidade de Vigo. “Foi un encontro case milagroso, no que todos tiñamos a inquietude de editar cousas, de facer algo diferente, e grazas a unificación das nosas forzas, estamos hoxe aquí”, asegurou Nelson Villalobos.

Pero no será unha editorial máis. A Editorial Elvira nace, segundo indicou Javier Romero, co obxectivo de “facer algo diferente, de moita calidade, unha pequena xoia de coleccionista, pero a un prezo asequíbel. Son libros auténticos e, hoxe en día, o auténtico brilla pola súa ausencia”.

Desta forma, este proxecto comeza coa colección “Detrás do Marco”, que  editará tres libros no presente ano e cada un deles terá unha tirada máxima de 300 exemplares. A  editorial non pretende abranguer grandes mercados, senón que busca ese carácter íntimo e exclusivo dos libros de artista. Todos os libros  serán feitos a man con medios serigráficos, asinados polos seus autores (escritor e artista) e autenticados por un notario, dándolle o seu valor de orixinal a cada exemplar, que o converte así nun obxecto de coleccionista. Esta colección poderá ser mercada ao prezo de 60 euros para os subscritores, mentres que cada libro por separado terá un custe de 30 euros. A subscrición pode realizarse na páxina web da editorial (http://editorialelvira.wordpress.com).

Mañá venres 27 de xaneiro (21:00 horas) terá lugar a presentación en sociedade da editorial Elvira e do seu primeiro libro “Pon labios en la hierba” de Daisy Villalobos no café Detrás do Marco, punto de orixe da editorial e “local de referencia para a cultura viguesa”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario