12 ene 2012

MAÑÁ 13 DE XANEIRO, INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN “CATRO NAIS: AUGA, VENTO, LUME, TERRA“ DE FRANCESCA

• No acto, contaremos coa actuación do grupo “Clave de FaDo” (20:30 horas)


A pintora Francesca inaugura mañá 13 de xaneiro (20:30 horas) a exposición “Catro Nais: Auga, Vento, Lume, Terra”, que permanecerá en Detrás do Marco ata o día 12 de febreiro. No acto de inauguración actuará o grupo Clave de FaDo, que logrará emocionar ao público cunha sonoridade moi especial.
Na mostra, Francesca fai un percorrido polo duro traballo da muller galega no século XX, aínda que non faltarán acuarelas sobre temas mariños, unha das especialidades desta creadora galega. Francesca é unha artista autodidacta que comezou traballando en deseños de roupa para muller, facendo talleres de poesía para nenos e na creación de personaxes publicitarios.
A pintora (nacida en Ferrol e viguesa de adopción) goza de forma especial traballando para os nenos e fai ilustracións, poesía e contos (“Son Alérxico”, conto dedicado aos nenos que padecen esa enfermidade, en colaboración co doutor Marcelo Zubizarreta) e deseños para tendas infantís, entre outros traballos. No ano 2009 fixo a exposición de Marinas Navigare Necess Est I na Ramallosa, que tivo a súa continuidade en Gondomar no ano 2011 (Navigare Necess Est II).

No acto de inauguración contaremos coa actuación do grupo Clave de FaDo, composto por Iria Estévez (vocalista), Pepe Piña (guitarra acústica e compositor) e Gonzalo Piña (guitarra española).  Clave de FaDo nace en Galicia no ano 2009 coa intención de crear unha formación musical diferente, que inclúa fundamentalmente, música portuguesa e galega, sendo interpretada cunha sonoridade propia, lograda a través da súa instrumentación pouco habitual para este tipo de música. Nas súas actuacións, fai un percorrido polos distintos tipos de fados e as músicas galegas máis poéticas, combinando así a frescura dos fados máis alegres coa emoción das cancións galegas e fados máis sentidos.



No hay comentarios:

Publicar un comentario