28 mar 2012

O 30 DE MARZO, INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN DE ALBERTO GRANADA EN DETRÁS DO MARCO

  • No acto contaremos coa actuación do grupo Clave de FaDo (20:30 horas)
O pintor Alberto Granada inaugura o venres 30 de marzo (20:30 horas) a súa exposición “A vida é un accidente”, que permanecerá en Detrás do Marco ata o día 29 de abril. No acto de inauguración actuará o grupo Clave de FaDo, que fará un percorrido pola música galega e portuguesa.



As pinturas que amosará Alberto nesta mostra son dos últimos meses, despois de que durante ano e medio traballase nunha serie que se chamou “Pinturas de Amor e Enfermidade, homenaxe a Lois Pereiro”. En “A vida é un accidente”, Granada deu un xiro total : “Quixen facer introspección, utilizar as tripas e pintar os meus propios sentimentos. Uns son absolutamente íntimos e outros influídos polos tempos convulsos nos que vivimos”.



Alberto (Zaragoza, 1970) chega á pintura do mundo do comic e a ilustración, onde realizou diferentes publicacións e recibiu varios galardóns. Viviu e pintou en Zaragoza, París, Alcalá de Henares e Vigo. Galicia adoptouno en 2007. Realizou exposicións individuais en Vigo, Zaragoza, Monforte de Lemos, Monçao (Portugal) e A Coruña. O ano pasado presentou no Museo Pazo de Tor a instalación "Lois Pereiro no Pazo de Tor", primeiro proxecto seleccionado pola Rede Museística Provincial de Lugo, dentro do proxecto "Espazos públicos de visibilidade".



A súa pintura viaxa dende o surrealismo figurativo e simbolista á abstracción máis colorista, pero sempre cun pouso escuro e dramático, herdanza dos tempos convulsos que nos tocou vivir.



Actuación musical. O grupo Clave de FaDo -composto por Iria Estévez (vocalista), Pepe Piña (guitarra acústica e compositor) e Gonzalo Piña (guitarra española)- actuará mañá 30 de marzo (20:30 horas) no local Detrás do Marco (entrada gratuíta).



Clave de FaDo nace en Galicia no ano 2009 coa intención de crear unha formación musical diferente, que inclúa fundamentalmente, música portuguesa e galega, sendo interpretada cunha sonoridade propia, lograda a través da súa instrumentación pouco habitual para este tipo de música ((bouzouqui e baixo, ademais das guitarras). Nas súas actuacións, fai un percorrido polos distintos tipos de fados e as músicas galegas máis poéticas, combinando así a frescura dos fados máis alegres coa emoción das cancións galegas e fados máis sentidos.


No hay comentarios:

Publicar un comentario