16 abr 2012

O XOVES 19 DE ABRIL, ACTUACIÓN DE SILVIA WOMAMI EN DETRÁS DO MARCO

A cantautora Silvia Womami regresa o xoves 19 de abril (20:00 horas) a Detrás do Marco (R./ Londres s/n), para volver a emocionarnos coa súa espectacular voz.
Silvia fai versións de cancións “de toda a vida” e no seu repertorio hai cancións de Silvio Rodríguez, Amparanoia, Mercedes Sosa, Bebe, Van Morrison, Tracy Chapman, Kiko Veneno, Fito Páez ou Vaya con Dios, entre outros intérpretes.
Entrada libre.

14 abr 2012

UNHA TARDE INOLVIDABEL CON RUBÉN DE LIS

O cantautor galego Rubén de Lis e a súa maestría coa guitarra consiguen sempre facernos gozar dunha tardé máxica. Hoxe non foi unha excepción e logrou emocionar ao público asistente.

Grazas a todos por acompañarnos!

13 abr 2012

MAÑÁ 14 DE ABRIL, ACTUACIÓN DE RUBÉN DE LIS EN DETRÁS DO MARCO

O guitarrista e compositor Rubén de Lis actuará mañá día 14 de abril (20:00 horas) en Detrás do Marco. O galego volverá facernos vibrar coa súa guitarra e cancións coñecidas por todos, ademais dos seus propios temas (compostos e cantados por el). Entrada gratuíta.

7 abr 2012

O DÍA 14 DE ABRIL, CONCERTO DE RUBÉN DE LIS EN DETRÁS DO MARCO

Volve Rubén de Lis a Detrás do Marco. Será o próximo sábado 14 de abril, a partir das 20:00 horas, coma sempre acompañado da súa guitarra coa que nos fará vivir unha xornada moi especial.

31 mar 2012

UNHA VEZ MÁIS, CLAVE DE FADO LOGROU EMOCIONARNOS DURANTE A INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN DE ALBERTO GRANADA

Foi outra desas noites difíciles de olvidar, grazas a Clave de FaDo e Alberto Granada. Onte inauguramos a exposición do pintor zaragozano (con corazón xa vigués) e na mesma contamos coa actuación do grupo Clave de FaDo.
Grazas a Iria, Gon e Pepe por emocionarnos con ese son tan especial e esa voz espectacular, e grazas a Alberto Granada que no seu discurso nos fixo rir a todos. E, por suposto, grazas ao público que encheu o local e gozou con esa noite máxica.



Esperamos repetir moi pronto con tod@s!!!

30 mar 2012

DETRÁS DO MARCO COLABORA COA FUNDACIÓN MENELA NA CELEBRACIÓN DO DÍA MUNDIAL SOBRE O AUTISMO

  • O café obsequiará cun chocolate ás persoas que compren ese día o conto “Un soño na bandexa”, o primeiro libro infantil con pictogramas en galego.
Vigo, 29 de marzo de 2012. Detrás do Marco colabora coa Fundación Menela na celebración do día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, que se conmemora o día 2 de abril.
 
Con ocasión deste día, na cidade de Vigo, a Fundación Menela e a Editorial Galaxia presentarán o conto “Un soño na bandexa” , o primeiro libro infantil con pictogramas en galego. Por fin os nenos e nenas con TEA poderán ler un conto na nosa lingua, que chega así a un espazo máis de comunicación onde a súa presenza é aínda moi cativa, e contar cunha ferramenta máis na aprendizaxe da lectura. Ademais supón un elemento de visibilización dun sistema de comunicación que está integrado nun conto que pode ser lido por calquera neno ou nena, con discapacidade ou sen ela, no camiño cara á súa normalización.

A presentación, que terá lugar o día 2 de abril ás 18h no salón de actos do Marco (rúa Príncipe 54), consistirá nunha sesión de contacontos por parte da súa autora, Mariné Lorenzo Corcoba, que xenerosamente doa os dereitos de autora á Fundación Menela, con ilustracións en directo de Jorge Vázquez e as intervencións do editor, Francisco Castro; o director xeral de Fundación Menela, Cipriano Jiménez e o concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, Manel Fernández.

Ás persoas que merquen o libro ese día se lles agasallará cun vale, escrito en pictogramas, para cambiar por un chocolate na cafetería Detrás do Marco, na rúa Londres s/n.

Por outra banda, o Concello de Vigo, súmase á acción internacional Light it up blue, promovida por Autism Speaks, que consiste en iluminar de azul edificios e monumentos emblemáticos, tinguindo de azul a noite do 1 ao 2 de abril o edificio do Antigo Concello (Praza da Constitución), a Casa das Artes (Policarpo Sanz), o antigo Reitorado (Areal) e as fontes da rúa Aragón e da Gran Vía.

O 2 de abril conmemórase o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. Segundo estudos epidemiolóxicos da Organización Mundial do Autismo, 1 de cada 150 nenas e nenos en idade escolar poderían presentar un Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), polo que a detección temperá debe ser unha prioridade na intervención e orientación dos TEA, contribuíndo así á defensa dos seus dereitos e mellora da súa calidade de vida, permitíndolle aos profesionais e ás familias establecer aqueles criterios máis doados de tratamento e escolarización para cada caso, de cara ao seu desenvolvemento persoal e á súa inclusión social.

Unha característica que define ás sociedades civilizadas é a forma na que axudan aos seus membros con capacidades diferentes, polo que esta data ten o obxectivo de sensibilizar á cidadanía sobre o autismo. A inclusión das persoas con TEA supón unha riqueza para toda a sociedade, que ten a responsabilidade de garantir a igualdade de oportunidades para todos e todas.

28 mar 2012

O 30 DE MARZO, INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN DE ALBERTO GRANADA EN DETRÁS DO MARCO

  • No acto contaremos coa actuación do grupo Clave de FaDo (20:30 horas)
O pintor Alberto Granada inaugura o venres 30 de marzo (20:30 horas) a súa exposición “A vida é un accidente”, que permanecerá en Detrás do Marco ata o día 29 de abril. No acto de inauguración actuará o grupo Clave de FaDo, que fará un percorrido pola música galega e portuguesa.



As pinturas que amosará Alberto nesta mostra son dos últimos meses, despois de que durante ano e medio traballase nunha serie que se chamou “Pinturas de Amor e Enfermidade, homenaxe a Lois Pereiro”. En “A vida é un accidente”, Granada deu un xiro total : “Quixen facer introspección, utilizar as tripas e pintar os meus propios sentimentos. Uns son absolutamente íntimos e outros influídos polos tempos convulsos nos que vivimos”.



Alberto (Zaragoza, 1970) chega á pintura do mundo do comic e a ilustración, onde realizou diferentes publicacións e recibiu varios galardóns. Viviu e pintou en Zaragoza, París, Alcalá de Henares e Vigo. Galicia adoptouno en 2007. Realizou exposicións individuais en Vigo, Zaragoza, Monforte de Lemos, Monçao (Portugal) e A Coruña. O ano pasado presentou no Museo Pazo de Tor a instalación "Lois Pereiro no Pazo de Tor", primeiro proxecto seleccionado pola Rede Museística Provincial de Lugo, dentro do proxecto "Espazos públicos de visibilidade".



A súa pintura viaxa dende o surrealismo figurativo e simbolista á abstracción máis colorista, pero sempre cun pouso escuro e dramático, herdanza dos tempos convulsos que nos tocou vivir.



Actuación musical. O grupo Clave de FaDo -composto por Iria Estévez (vocalista), Pepe Piña (guitarra acústica e compositor) e Gonzalo Piña (guitarra española)- actuará mañá 30 de marzo (20:30 horas) no local Detrás do Marco (entrada gratuíta).



Clave de FaDo nace en Galicia no ano 2009 coa intención de crear unha formación musical diferente, que inclúa fundamentalmente, música portuguesa e galega, sendo interpretada cunha sonoridade propia, lograda a través da súa instrumentación pouco habitual para este tipo de música ((bouzouqui e baixo, ademais das guitarras). Nas súas actuacións, fai un percorrido polos distintos tipos de fados e as músicas galegas máis poéticas, combinando así a frescura dos fados máis alegres coa emoción das cancións galegas e fados máis sentidos.